Finis Gloriae Mvundi.

A fin da veleidade. É simplesmente unha maneira de ser, de facer as cousas e de vivir. Alguén sabe o por qué do que somos e do que vivimos? Alguén coñece o pouso que deixa o vivido? Alguén sabería dicir que é o que pode andar rondando polo maxín inquedo dun ser avocado ó existencialismo? Todo isto e moito máis hase debullar de a poucos neste blogue, e senon é así, entón que morra coa comida que comín.

jueves, 31 de mayo de 2018

Triskel

PRIMEIRA

Desde o alto dos cantís do Cabo do castro. 
vexo voar unha gaivota que vai cara ó mar.

Eu quixera ser esa ave pescantina
que abre ó ceo eterno as súas ás. 

Son estas rochas, que me chaman,
á escuma que se arremuíña coa corrente.

Das laxes afiadas, que desafían aló embaixo
o bater e remexer do Atlántico que me reclama.

Chámanme os sons da morte para saltar ó infinito
i eles saberán se teño aquí a miña hora.

Non hai noite máis escura, no poñente do día, 
cando o sol se garda tras das illas.

E os pinos bailan coa última aurora.

Os grilos pregoan con cantos fúnebres
a fin do meu camiño, que se deita no mar. 

Nos últimos suspiros, un salto de arroás. 



SEGUNDA


Mar adiante, no Cabo do castro,
deixo un mundo ás miñas costas.

Os pedregullos do camiño, 
salpicado de carrasquiña
os meus pasos cara a fronte.

Aló na vereda acaba,
onde os corvos mariños foxen
e se vai o día
e non se sabe para ónde.

Un alma que devece por sulcar os ceos.
Cara ónde voa?

Un corpo quedo que devece, 
e que busca ser levado pola corrente.

Procura un porto de abrigo,
húmido, 
no que repousar por sempre.


TERCEIRA

Co fulgor da primeira estrela 
cae unha bágoa enxoita.
 Molla o polvorento chan.

I o corpo chama pola almiña, 
que devecía por viaxar.

Volve almiña, volve. 

Non será hoxe cando me bote.
Mais quén sabe si mañá...

Morte,
que ós ollos me miraste,
vaite pronta e vaite xa,
deixa que a vida incerta
na boca me queira 
volver bicar.


PRÓLOGO

Cando sinto a miña alma presa
e lonxe me atopo do meu lar 
sinto como as mouras por min chaman
para que o volva intentar.

Camiño do Cabo do castro, 
morre a terra e nace o mar. 


 

martes, 22 de mayo de 2018

Do Retórico

Busco a beleza nas musas
as que inspiran ó compositor
cando tece as notas 
no pentagrama,
trazos no ar.

Esborrancho pensamentos 
que se enredan no
fume da nebulosa
de seres lonxanos.

Camto melodías, 
sinfonía de tolemias.
Procuro o éxtase. 
Mato o tempo, que
escorrega, 
entre catro paredes
vermellas. 

Asubío alalás.
Vou acompasando
a estrofa cuántica, e 
amarro sentires
que se queren suicidar.

Versos de Maio,
 van caíndo
por unha folla 
adiante
mentras imaxino
se haberá alguén
que, neste intre
pense en min. 

Só un intento por saber
se inútiles foron 
aqueles momentos.
Se só foran xustos, 
ou necesarios. 

Cara ónde marchou
o que era a beleza?

A ocasión de sentir que, 
unha forza incomprensible
nos fixo por xuntar.
Que tola foi a romería, 
e pasou, ó acabar o día.

Pero quén dera  o meu, 
case todo, 
por entrar dentro de tí
pero non o sabías. 

Ou é que xa perdín?

Beleza e musa, 
e canción, e estrofa
e rima, e ritmo 

A miña belza...

Non fun quen de 
descifrar
as túas rarezas, 
que son, tamén
ás veces miñas.

Nunca sei porlle fin
ás historias,

nunca sei deixar ir, 
cando eu non me fun

É que non o sabías?

O meu corpo tira por tí,
quéimasme tanto
que xa non sei se 
foi cousa de Deus, 
ou do mesmo demo,
darte paso no meu, 
sentir, pensar, vivir.

Non sei si son dono do meu,
ou se o teu enigma bateu en min
tan forte e tan fondo, 
que só me quedan preguntas, 
e me faltas ti.

E afogo na incerteza do saber
se te volverei ver. 


Dime vida, por qué?


VIDA!
por...                       ...que?




domingo, 20 de mayo de 2018

DUCADOS NEGRO

SEMIESPIDO, CASE EN COIROS


Teño días nos que necesito que alguén se achegue a min
e me diga quén son en realidade
Teño días nos que son
soamente
unha sombra que percorre as rúas de pedra
e que se mestura entre as xentes.

SEMIESPIDO

Teño días nos que a soedade me busca
para que eu lle faga compaña

Teño días nos que desexaría vivir en verso
a promesa dun futuro que non me afogue

Teño días nos que as lembranzas pesan tanto
que me encollen os pulmóns, e vou
queimando as horas entre o fume do tabaco

Teño días nos que sinto que xa non son
días nos que os folgos emigraron
e xa non distingo entre luz e tebras.


 CASE EN COIROS

Teño días nos que desexo ser mellor
nos que me fago promesas que, 
sei que non vou ser quen de cumplir.

Teño días nos que só me valen
algúns abrazos e unha palabra de alento
días nos que encho follas, nas que, 
deixo todo o pouco que son.

Teño días nos que agardo pola mensaxe
que me dea azos de liberdade.
Días nos que releo poesías pouco feitas. 

Teño momentos lúcidos que  se intercalan
con recordos do que xa foi, e nin sei se será.

Días nos que non sei nada,
nos que me resigno a ficar só
por non molestar a ninguén.

Días nos que imaxino ó meu par
escribindo nunha folla en branco.
E, como se dun espello macabro,
nalgún lugar do planeta
outro ser sinta o mesmo que eu.

 SEMIESPIDO

E, vencido polo peso do mundo,
entre cancións e cigarros,
entre saloucos irresolubles, 
se desangre nunha folla.

Enxugue as súas bágoas na almofada
e cando volva en sí, escriba entre desesperos.
Entre calada, e calada. Coma quen 
lle fala a un amigo ó corazón: 
Teño días...

E, ao rematar o discurso fatalista,
o desafogo mundano,
agarde por unha aperta,
confidente e cómplice.
Que desaxustille o peito,
que che permita seguir camiñando.




E brindar á vida por ser nós. Sempre.
Só pola ledicia de ter días. 

martes, 15 de mayo de 2018

Galicia por amor: Victoria


A María Victoria Moreno:

A tí, filla da Estremadura,
Galicia roubouche o corazón,
mais é unha nai tan xenerosa
que non atende a razóns.

Non hai amor máis puro
daquel que sinte pola terra
pola fala dos gallegos
e pola xente mariñeira.

Terra feiticeira, seu embruxo
cautivoute a tí estremeña
e para sempre namorada
ficaste ó carón da lareira
desta casa de fartura,
desta nosa terra meiga,

Non hai neste noso mundo
tal maior certeza
non fai falla pedigrí
nin vir de longa estirpe celta
no fogar de Breogán
nunca foste estranxeira.

Pois galego é quen sinte,
,e non sempre quen nace,
no fondo as nosas verbas,
o que sen ningunha outra arma
que non sexan as nosas letras
fai país, deixa pegada, e
honra esta patria anterga.

Se coma ti fixeran, miña Victoria,
os casteláns todos de Castilla,
"O corazón aberto
a toda verba amiga"
non había quedar aló cidade
que non puideran conquistar
os acentos de Rosalía.

Ti xa levas a estrela na fronte,
e tamén no bico o cantar
dende o primeiro momento
no que, a túa lingua coa nosa
se fixo por namorar.

Consagrada.

Boa e xenerosa.

Victoria.

En Compostela, a 16 de maio de 2018
 





HIC TEMPORE

Nada más cierto que el tiempo el ya vivido, el por venir Somos el tiempo que no pasa, -somos el tiempo que nos queda- Y, rueda, rueda, rueda...